O consorcio europeo TRANS-INT conclúe en Santiago o proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’
O consorcio europeo TRANS-INT desenvolve a vindeira semana en Santiago a reunión final do proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’ que ten por obxecto o estudo integral da interacción de determinados nanomateriais co tracto gastro-intestinal tras a súa administración oral.
Na xuntanza, que inaugurará o reitor Juan Viaño o luns 24 ás 9.00 horas no Salón de Actos do Edificio Docente Roberto Novoa Santos do CHUS, participarán ata o 26 de abril máis de 50 investigadores ademais de representantes da Comisión Europea e, como convidados e asesores externos, o doutor J. Hanes, da Johns Hopkins University (USA), e Felipe Casanueva, do CHUS.
A coordinadora do proxecto é a Universidade de Santiago de Compostela a través do laboratorio que dirixe a profesora María José Alonso, orientado á nanomedicina. Con ela traballou tamén o grupo de investigación que dirixe o profesor da USC Carlos Diéguez, ambos os dous no CIMUS.
O estudo que agora conclúe permitiu avaliar o potencial dos nanomateriais como transportadores de biomoléculas terapéuticas, péptidos e proteínas a través da mucosa intestinal. Os avances logrados permiten deseñar estratexias terapéuticas que poderían ser de interese no tratamento sistémico de enfermidades como a diabete, a obesidade ou a dor, así como o tratamento local de enfermidades intestinais inflamatorias.