A USC colabora no seminario internacional ‘O xadrez como ferramenta pedagóxica e de inclusión social’

Os días 13 e 14 de maio terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago o seminario internacional ‘O xadrez como ferramenta pedagóxica e de inclusión social’, unha actividade que organiza a Fundación Kasparov e coa que colabora a USC, entre outras institucións.
O curso dota aos participantes dunha visión integral e anovadora sobre a relación entre o xadrez e a educación, con numerosos recursos para empregar na aula. Impartirano os máis recoñecidos expertos iberoamericanos en xadrez educatiovo e pedagóxico e ao remata da formación obterase un certificado avalado pola propia fundación.
Os detalles da cita explicáronos esta mañá o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira; o vicepresidente da Fundación Kasparov para Iberoamérica, Leontxo García, e a concelleira da Área de Mocidade, Deporte e Benestar Animal, Noa Morales.
O vicerreitor mostrou a satisfacción da USC por colaborar con todo aquilo que fortaleza e axude a mellorar a sociedade no aspecto formativo e educativo, como é o xadrez”. Pola súa banda, a concelleira dixo que este seminario era “moi completo e moi recomendable”, agradecendo á Fundación Kasparov a súa organización en Compostela.