
A cuarta edición do Encontro estatal de Xoves investigadores en Estatística e Investigación Operativa (SYSORM) desenvolverase entre os días 19 e 21 de xuño na Universidade de Santiago. A inauguración oficial será a véspera do inicio das sesións, o martes 18 de xuño ás 19.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, coa presenza do reitor, da directora do CiTMAGA, Rosa Crujeiras Casais; da decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; do director do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Pedro Faraldo; e dos membros do comité organizador José Ameijeiras Alonso e Eduardo García Portugués.
Promovido pola SEIO, o encontro está organizado por e para novas e novos investigadores, con menos de tres anos de experiencia posdoutoral, co obxecto de dar visibilidade ás novas xeracións con talento en Estatística e Investigación Operativa, desde temas metodolóxicos a investigación aplicada, e fomentar a comunicación profesional entre eles, tanto no eido estatal como internacional.
Esta cuarta edición -as pasadas foron en Elche, El Escorial e Granada- reúne catro plenarios de renome en Estatística e Investigación Operativa e ata 30 relatorios de novos investigadores.
Do comité organizador, pola USC forman parte José Ameijeiras Alonso, María José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves.