
O especialista en estudos teatrais Jorge Dubatti, catedrático da Universidade de Bos Aires (UBA), impartirá o vindeiro 6 de maio na USC a conferencia ‘Acontecemento teatral e territorialidade’, enmarcada na terceira edición de Pasaxes. Seminario permanente de Teoría literaria e Análise cultural. A charla será ás 12.00 horas na sala B03 da Facultade de Filoloxía.
Jorge Dubatti é catedrático de Historia do Teatro Universal na UBA, onde dirixe o Instituto de Artes do Espectáculo ‘Dr. Raúl H. Castagnino’ da Facultade de Filosofía e Letras. Ademais de fundar e dirixir, desde 2001, a Escola de Espectadores de Bos Aires, participou na apertura de 85 escolas de espectadores en diversos países e, entre 2001 e 2023, traballou como subdirector do Teatro Nacional Cervantes.
Desde 2023 é académico de Número da Academia Argentina de Letras e membro correspondente da Real Academia Española. Entre os seus libros destacan Filosofía del Teatro I, II e III, Teatro y territorialidad e Estudios de teatro argentino, europeo y comparado. Na actualidade dirixe o proxecto de investigación ‘Historia Comparada de las/los espectadores de teatro en Buenos Aires 1901-1914’.
Pola súa banda, ‘Pasaxes’ é unha iniciativa do grupo de investigación Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Instituto de Investigaciós Bibliográficas da Universidade Nacional Autónoma de México que busca ser un foro para o intercambio de ideas con especialistas en estudos literarios e culturais.