Pasar al contenido principal

O grupo Hispona da USC bota luz sobre a Compostela republicana

O grupo Hispona da USC bota luz sobre a Compostela republicana
O grupo Hispona da USC bota luz sobre a Compostela republicana
Presentou o libro O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela Republicana

O profesor Emilio Grandío e o investigador Alfonso Iglesias, ambos os dous do grupo Hispona (Historia Política e dos nacionalismos) da USC presentaron este martes no Concello o libro O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela Republicana, publicado polo Departamento de Educación e Cidadanía na súa serie de unidades didácticas 'Coñecer Santiago, cidade educadora'.

A publicación comeza cun relato da vida no Santiago dos anos trinta, a terceira cidade máis poboada de Galicia, unha vila que gozou “do proxecto de modernización que supuxo a nova democracia republicana pero na que a vida cotiá tiña os seus tempos”. Nas súas páxinas os seus autores lembran os espazos de socialización da época, os bares, as prazas, os paseos; a fusión do rural e o urbano; os transportes como o ferrocarril ou o autobús co monopolio de Castromil. Falan tamén dunha Compostela marcada polo sector dos servizos, da Compostela capital da medicina galega, do laicismo nunha cidade cunha forte influencia da Igrexa ou do nacemento de medios de comunicación certamente influentes neses anos.

No apartado de educación, cobra importancia o papel da Universidade, que nesa época experimentou anos de notable actividade, de crecemento en alumnado e en dotación de infraestruturas, boa parte disto debido á figura de quen foi reitor da institución, Alejandro Rodríguez Cadarso. O incremento de rapaces escolarizados ou a redución das taxas de analfabetismo son outros fitos a lembrar deses anos.

O libro recolle tamén a historia política e do asociacionismo da cidade, cun comezo nas eleccións municipais que o 12 de abril de 1931 gañan os republicanos e que, sumado a semellantes resultados na maior parte das cidades españolas, leva á proclamación da Segunda República o 14 de abril. Da intensa actividade política que se desenvolveu nese período tivo unha especial relevancia o proceso que desembocou no Estatuto de Autonomía de Galicia e no que Compostela xogou un papel determinante.

A publicación remata co Golpe do 18 de xullo de 1936 e o relato do triunfo da sublevación militar en Santiago “rápido, sen case resistencia, e seguida dunha durísima represión que ía levar ao asasinato dun nutrido grupo de persoas relevantes en distintos ámbitos”.

Os debuxos de Francisco Vázquez Díaz ‘Compostela’, un dos artistas máis comprometidos coa causa republicana, a listaxe de concelleiros das corporacións municipais da cidade durante a Segunda República e un roteiro polas rúas con espazos significativos da época pechan unha publicación que dun xeito ameno e rigoroso axudará a comprender mellor unha parte da historia que foi importante para a cidade e que marcou en parte o que é hoxe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2017.