Pasar al contenido principal

Xunta e USC avanzan no novo complexo de Medicina, coa licitación inmediata do proxecto básico

De dereita a esquerda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o reitor Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o de Facenda, Valeriano...
De dereita a esquerda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o reitor Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o de Facenda, Valeriano...

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago acordaron este luns a licitación inmediata do proxecto básico do novo complexo da Facultade de Medicina, cuxo custe ascenderá a 400.000 euros e que se prevé que estea listo a finais deste ano.

O reitor da USC, Juan Viaño, e os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; de Facenda, Valeriano Martínez; e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron unha reunión de traballo para abordar a posta en marcha da nova facultade, tanto desde o punto de vista construtivo como de profesorado.

Segundo informaron ao remate da xuntanza, unha vez realizado o proxecto básico procederase a licitar o de execución e obra, co fin último de poder iniciar a construción entre finais do 2018 e principios do 2019. A maiores, e de xeito conxunto ao procedemento construtivo, tamén se poñerá en marcha un plan sectorial para definir desde un punto de vista urbanístico as condicións da parcela, abordando os seus diferentes usos.

Reforzo do persoal docente
Por outro lado, na reunión avaliáronse as necesidades docentes do grao de Medicina, un aspecto que se reforzará coa dotación de prazas precisas tanto no eido asistencial como docente de maneira que se palíen as baixas ocasionadas polas xubilacións e, por outra, para facilitar o comezo dunha carreira académica e investigadora aos profesionais clínicos.

Acordaron así que unha primeira fase consistiría na inclusión, por parte da USC, de prazas de profesor asociado LOU naquelas áreas onde haxa Profesorado Asociado de Ciencias da Saúde doutores (PACS) e que, nunha segunda, se estabilizaría profesorado permanente con vinculación asistencial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2017.