Pasar al contenido principal

O horror nazi a través dos debuxos de nenos e nenas do gueto checo de Tazarín

O horror nazi a través dos debuxos de nenos e nenas do gueto checo de Tazarín
O horror nazi a través dos debuxos de nenos e nenas do gueto checo de Tazarín
Inaugurouse en Fonseca a exposición ‘Os nenos que viviron e debuxaron o Holocausto’

Uníndose ao Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, a USC e diversas entidades culturais e civís inauguraron este venres no claustro alto do Colexio de Fonseca unha mostra cos debuxos de nenos e nenas que viviron entre 1940 e 1945 no campo nazi de Tezerín (República Checa).

Organizada pola Comunidade Xudea de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o Centro Checo de Madrid e a USC, a mostra consta de 33 debuxos realizados na chamada Kleine Festung Theresienstadt (pequena fortaleza de Terezín), que fora un centro de aloxamento para militares dende a finalización da súa construción en 1784 e que case dous séculos despois pasaría a albergar o horror.

Unha muller clave
Na chamada “sala de espera do inferno” estiveron recluídos os considerados inimigos do réxime nazi entre 1940 e 1945, entre eles moitos intelectuais de orixe xudía, algo que explica a intensa actividade cultural nese campo de concentración.

A Tezerín chega a finais de 1942 Fredericke «Friedl» Dicker-Brandeis, unha muller clave na organización –clandestina­– de clases de arte para a poboación infantil que se atopaba alí recluída. Ensinoulles a debuxar aos nenos e nenas á vez que deseñaría os decorados e o vestiario para representacións infantís como a Ópera Brundibár do compositor checo Hans Krása, tamén recluído en Terezín, e que recentemente se representou en Compostela.

O seu principal obxectivo era restablecer o mundo interior dos pequenos a través da expresión artística de modo que puideran canalizar as súas emocións e entender o seu entorno. Friedl exercía unha grande influencia positiva sobre todos eles ata que en setembro de 1944 o seu marido foi transportado a Auschwitz e Friedl voluntariamente aceptou acompañalo.

Con ela irían algúns dos seus alumnos camiño da morte, mais os que sobreviviron conseguiron conservar miles de debuxos realizados nas súas clases e con eles a testemuña de que todo o que se pretendía ocultar baixo a fachada da fortaleza existiu e debe ser lembrado. Algunhas desas estampas, tanto do gueto como da vida cotiá e mesmo do paseo cara á morte, móstranse na exposición ‘ Os nenos que viviron e debuxaron o Holocausto. Debuxos dos nenos do ghetto de Terezín’, que permanecerá aberta ata o 24 de febreiro en horario de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2017.