Pasar al contenido principal

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia alcanzan este ano a súa trixésima edición

O prazo de inscrición remata o 24 de febreiro

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) co organiza coa Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña a trixésima edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia co lema ‘Galego sen fronteiras’. Organizados por vez primeira en 1988 a iniciativa do ILG, estes cursos alcanzan a súa trixésima edición convertida xa nunha iniciativa formativa tradicional do verán e pola que teñen pasado máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas dos cinco continentes. O prazo para a recepción das solicitudes remata o 24 de febreiro.

O programa diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, ao vinculado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo, aínda que está aberto a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia. A iniciativa constitúe unha ferramenta de grande utilidade para a internacionalización e normalización da cultura galega: moitas das persoas que hoxe que traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos Cursos ‘Galego sen fronteiras’.

O programa divídense en tres niveis nos que se combinan clases teóricas e prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese histórico e natural, entre outras actividades. Nos niveis inicial e medio impártense clases de comprensión e expresión escrita e oral. O superior, de lingua e literatura galegas, consta de varios seminarios que tratarán problemas de lingüística galega, textos e autores da literatura galega contemporánea e a formación e a historia social da lingua galega, entre outros temas.

Toda a información relativa ao curso así como ao proceso de inscrición está dispoñible en rede.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2017.