Este xoves 27 de xuño a partir das 13.00 horas terá lugar na sala de divulgación do Instituto da Lingua Galega (ILG) unha conferencia de Laura Lesta García, do Middlebury College, co título 'Recontar a transición en Galicia: o humorismo gráfico de Can sen Dono'. A charla está organizada polo Grupo de Investigación Filoloxía e Lingüística Galega (FILGA).
Can sen Dono (1983-1991), foi a primeira revista humorística en galego logo da ditadura franquista. Esta publicación ofrece unha visión da transición que racha co discurso oficialista e conciliador que rodea este período ao comentar de xeito acedo, irónico e crítico cuestións que atinxen a sociedade galega da época. Alén disto, Lesta reflexionará sobre o proceso de investigación ligado aos obxectos culturais, sobre a necesidade de cuestionar o canon universitario e a importancia de incluír voces disidentes nos plans de estudo, e de como a análise da cultura popular axuda a entender de xeito máis profundo o contexto en que se insire.
