
O venres 12 de xullo terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC o evento de conmemoración do 25 aniversario da finalización de estudos da primeira promoción de Enxeñaría Química (1994-1999). O programa de actividades comeza ás 16.30 horas cunha visita ás instalacións da ETSE.
Ás 17.00 horas terá lugar a apertura e benvida pola directora da ETSE, a profesora Julia González Álvarez. Intervirá a continuación Juan Manuel Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega de Ciencias, profesor emérito da USC, ex director do departamento de Enxeñaría Química e impulsor destes estudos na USC.
Deseguido haberá unha intervención conxunta da profesora Almudena Hospido Quintana, membro da primeira promoción e actual coordinadora do grao en Enxeñaría Química, e do profesor Héctor Rodriguez Martínez, coordinador do mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos.
Así mesmo, en representación da primeira promoción tamén tomarán a palabra Ramón Blanco López, de Valtalia; Antonio Cuevas Iglesias, de NAUTERRA; Ana Maceiras Fernández, de ZARA; e a presidenta da asociación Alumni USC, Eva López Barrio. Ás 18.15 horas clausura o acto a directora da ETSE e a seguir farase unha fotografía conmemorativa.
Enxeñaría Química
Enxeñaría Química da USC ten demostrado a súa solvencia e calidade nestes 25 anos, de xeito que tanto o grao como o mestrado contan coa acreditación IChemE e o mestrado está recoñecido coa mención de excelencia da Xunta.
Por outra banda, e tal e como se porá de manifesto no acto, estes estudos da USC destacan pola súa alta empregabilidade. Os datos máis recentes indican que, nun período de 6 meses tras a obtención do título, máis de un 80 % das egresadas e egresados xa está incorporado a un posto de traballo relacionado cos estudos.