Pasar al contenido principal

X Congreso internacional sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro

04.07.2024-05.07.2024

Santiago de Compostela

Desenvólvese tamén o IV Congreso da Asociación Iberoamericana de Dereito Penal Económico e da Empresa

Facultade de Dereito. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Dereito. FOTO: Santi Alvite

O xoves 4 e o venres 5 de xullo desenvólvense na Facultade de Dereito o 'X Congreso internacional sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro' e o 'IV Congreso da Asociación Iberoamericana de Dereito Penal Económico e da Empresa'. A inauguración será o xoves ás 9.20 horas. A conferencia inaugural corre a cargo de Nielson Sánchez Stewart, avogado e doutor en Dereito, conselleiro electivo do Consello Xeral da Avogacía Española, anterior presidente da súa Comisión de Prevención de Branqueo de Capitais, membro do Comité científico do Centro Europeo de Estudos sobre Prevención e Represión do Branqueo de Diñeiro e relator da primeira sección do congreso.

No evento trataranse temas como os problemas de autoría e participación na criminalidade organizada transnacional e o uso das súas ferramentas de investigación para o branqueo segundo a Directiva 2018/1673, as moedas virtuais na Directiva 2018/843, a súa tributación e branqueo, os delitos fiscais relacionados cos impostos directos e indirectos como feitos previos do branqueo segundo as recomendacións do GAFI e a Directiva 2018/1673, os problemas da comisión do branqueo polas tecnoloxías da información e o lugar de execución do delito ou a lexislación e xurisprudencia arxentina sobre branqueo de diñeiro.

Na primeira xornada haberá charlas sobre temas coma a tributación e branqueo con moedas virtuais, o branqueo empregando tecnoloxías da información ou a xurisprudencia xerada sobre o branqueo en países coma Perú, Paraguai, Alemaña e Italia. Na xornada do venres as sesións e relatorios abordarán temas coma a normativa contra o branqueo nos Estados Unidos, a custodia de moedeiros electrónicos ou a análise da importancia económica do branqueo en España e mais en Europa. Así mesmo estudarase a introdución do branqueo no dereito penal europeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2024.