Pasar al contenido principal

Xornada ‘As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos’

04.07.2024 | 09.00h

Consello da Cultura Galega
Santiago de Compostela

Baixo a coordinación da USC, desenvolveranse no Consello da Cultura Galega

Na actualidade, o número de xacementos deste tipo cartografados en Galicia supera os cincuenta
Na actualidade, o número de xacementos deste tipo cartografados en Galicia supera os cincuenta

As «rodas» son un tipo de xacemento de recente descubrimento. No ano 2006, nunha actividade de tipo preventivo documentouse a primeira, «A Roda de Barreiros», catalogada como un castro de pequeno tamaño e que, no curso das escavacións, foi interpretada como o primeiro xacemento de tipo henge de Galicia. Desde ese momento esta clase de xacementos foi de grande interese tanto para a investigación como para a sociedade.

Actualmente, a pesar de que hai aínda controversias relacionadas coa interpretación da función e o contexto destes sitios arqueolóxicos, xa se pode abordar a súa cronoloxía, os materiais e as estruturas que albergan, pois hai oito xacementos escavados parcialmente.

Malia que se pode falar de que este tipo de xacementos son do Bronce Final, en realidade estase contando unha pequena parte da súa extensa e complexa historia, porque estes xacementos presentan unha duración longa no tempo, desde a súa construción ata o seu abandono.

Na actualidade, o número de xacementos deste tipo cartografados en Galicia supera os cincuenta, e xa se pode empezar a apreciar patróns de poboamento na rexión.

Nestas xornadas -coa coordinación da USC- preténdese dar a coñecer, por primeira vez en detalle, cada un dos xacementos escavados da man das persoas que dirixiron os traballos. Ademais, introducirase de forma preliminar unha caracterización territorial deles. Así mesmo, achegarase a opinión que a Administración e a prensa teñen das «rodas» como tema mediático en arqueoloxía galega e participará un especialista procedente de Francia, que achegará un marco comparativo para os nosos xacementos. Preténdese albergar un foro de discusión construtivo sobre este novo fenómeno monumental na Prehistoria do noroeste ibérico que quizais podería relacionarse cos cambios que se desenvolveron en Europa entre finais do segundo milenio e mediados do primeiro antes de Cristo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2024.