Pasar al contenido principal

O maratón audiovisual ‘Findecurta’ duplica o número de participantes e cita a máis de 100 persoas na súa segunda edición

Participantes e organizadores da segunda edición do certame audiovisual Findecurta. Fotografía de Mar Torrón
Participantes e organizadores da segunda edición do certame audiovisual Findecurta. Fotografía de Mar Torrón
O xurado dará a coñecer o seu fallo o 5 de maio logo da proxección pública de todas as curtametraxes presentadas a concurso

A segunda edición do maratón audiovisual ‘Findecurta’ duplica o número de participantes e cita a máis dun centenar de persoas na sesión informativa previa ao desenvolvemento dun certame no que tomaron parte un total de doce equipos, que aceptaron o convite de realizar cadansúa curtametraxe durante apenas 60 horas, o prazo comprendido entre as 20.30 horas do 31 de marzo e as 10.30 horas deste luns.

A diferenza da primeira edición, as curtas resultantes do traballo e da creatividade das persoas que integran os equipos que entran a concurso compartirán varios elementos, segundo explicou o comisario de ‘Findecurta’. Bruno Máez explicou neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western...) determinado nun sorteo previo, as curtas presentadas a concurso teñen a obriga de incluír unha personaxe (o arqueólogo/a Bernaldo/a Peiraio), un obxecto (un ouriñal) e a frase “Coma o mestre Cirilo, que cose de balde e pon o fío”.

Os obxectivos do certame ‘Findecurta’, unha iniciativa artística impulsada pola área de Cultura do Campus Terra da USC e organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, permanecen inalterados e responden á pretensión de contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega. De feito, todas as curtas deben ser en idioma galego.

Logo de tres xornadas maratonianas de traballo e creación, os preto de 120 participantes que integran os doce equipos inscritos para tomar parte na segunda edición do ‘Findecurta’, entregaron este luns as súas respectivas creacións audiovisuais nas oficinas da área de Cultura do campus de Lugo da USC. Unha vez completada esta primeira fase do certame, o xurado do maratón cinematográfico ‘Findecurta’ avaliará nos vindeiros días a calidade das curtas presentadas para emitir so seu fallo o 5 de maio. A decisión do xurado, que determinará a proposta gañadora e que recibirá unha contía en metálico de 400 euros, darase a coñecer logo da proxección de todas as curtas nun acto aberto ao público que se desenvolverá, a partir das 22.00 horas, na Praza de Santa María de Lugo. En caso de choiva, esta sesión trasladarase á Casa do Saber.

Unha vez rematada a proxección das curtas, os organizadores do maratón cinematográfico recollerán os votos emitidos polos espectadores presentes e que servirán para determinar a curta premiada polo público, un galardón que non conta con dotación económica, pero que, do mesmo xeito que o premio outorgado polo xurado, si que permite a participación da curta seleccionada na fase de competición da próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2017.