
O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, preside este luns 2 de setembro ás 16.00 horas a inauguración do XVII Congreso Nacional de Viroloxía, que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Dereito e á que tamén asistirán o presidente do comité organizador e decano da Facultade de Bioloxía da USC, Jesús López Romalde; a concelleira de saúde compostelá Pilar Lueiro e o presidente da Sociedade Española de Viroloxía, Albert Bosch. Trátase da segunda vez que se desenvolve na capital galega este congreso, que se prolonga ata o xoves 5 de setembro.
As sesións programadas recollen a diversidade investigadora que caracteriza o estudo dos virus, tanto no seu concepto máis básico como nas súas vertentes aplicadas e biotecnolóxicas dos ámbitos humano, veterinario e vexetal. O programa inclúe tamén unha sesión divulgativa destinada ao público en xeral que se desenvolve o martes 3 a partir das 18.30 horas, coa que se pretende achegar a Sociedade Española de Viroloxía e a viroloxía en xeral ao conxunto da sociedade.
A conferencia inaugural pronunciaraa o luns 2 ás 16.30 horas Cara Burns, dos Centers for Disease Control and Prevention (CDC) dos Estados Unidos. Ás 17.30 horas terá lugar a conferencia do gañador do Premio Virólogo Senior SEV 2023 Adolfo García Sastre, da Mount Sinai School Medicine de Nova York, nos Estados Unidos.
O martes 3, tras as conferencias e sesións paralelas, ás 18.30 horas haberá unha sesión de divulgación aberta ao público en xeral na que falarán Ignacio López-Goñi, da Universidade de Navarra, sobre 'A comunicación da ciencia: a mellor maneira de transferir o coñecemento á sociedade', e Margarita del Val, do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa de Madrid, sobre 'Estamos preparados para a próxima pandemia?'.
A xornada do mércores 4 comeza co simposio 'Terapia e vacinas', no que participan Adolfo García Sastre, Luis Enjuanes, María Josefina Carlucci e Irene Rivero. O xoves 5 terá lugar o simposio 'Epidemioloxía e cambio climático' con Rafael Delgado, César Muñoz Fontela, Ana Fernández Sesma e Mari Paz Sánchez Seco. A sesión de clausura do congreso comezará ás 14.30 horas do xoves.