O investigador Antón Barreiro conseguiu máis da metade dos fondos para o seu proxecto de rexeneración tras unha lesión medular

A falla dun mes exacto para rematar a recadación de fondos para o seu proxecto de busca de fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular, o investigador de Bioloxía Funcional da USC Antón Barreiro conseguiu xa máis da metade do proposto na campaña no portal Precipita da FECYT.
Barreiro trata de buscarlle unha solución ás 35.000 persoas que sofren en España unha enfermidade que na maior parte das veces é causada por accidentes de tráfico e que produce un dano irreparable para o que non hai un tratamento que facilite a súa recuperación funcional.
Pero para completar a libraría de fármacos que precisan para traballar nos vindeiros anos aínda lle faltan pouco máis de 4.000 euros, unha cantidade que deberá cubrir nos 30 días que restan para o final da campaña. “Pensamos que si conseguiremos o nivel que nos marcamos como óptimo, os 10.000 euros, e oxalá o superemos, porque así nos garantimos un maior índice de éxito da nosa investigación”, explica Barreiro, que quere agradecer a colaboración dos preto de cen doantes individuais que xa depositaron a confianza na campaña.
O equipo que co dirixen Antón Barreiro e María Celina Rodicio traballa con modelos de lesión medular en peixes, entre eles o cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día no laboratorio, “facilitando así a proba dunha gran cantidade de fármacos”, e que ao ser transparente “ permite ver con máis facilidade se a neurona de estudo rexenerou ou non os seus axóns tras a lesión e despois do tratamento cun fármaco determinado”.
“Se conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Barreiro. Para iso, marcáranse un obxectivo mínimo de financiamento de 2.000 euros, xa superado, cos que poderán mercar os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de 90 fármacos para validar o seu modelo. De alcanzar o nivel óptimo, os 10.000 euros, esa libraría sería de 1.230 fármacos, “o que aumentaría notablemente as nosas posibilidades”, afirma.