Pasar al contenido principal

A USC participa en Grecia nunha conferencia agroalimentaria ao abeiro do proxecto Erasmus + Q-SAFE

A USC participa en Grecia nunha conferencia agroalimentaria ao abeiro do proxecto Erasmus + Q-SAFE
A USC participa en Grecia nunha conferencia agroalimentaria ao abeiro do proxecto Erasmus + Q-SAFE

A seguridade alimentaria é o eixo dunha conferencia europea que a vindeira semana terá lugar na illa de Syros (Grecia) e á que por parte da USC asisten Almudena Hospido e Laura Roibás, ambas pertencentes ao Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos (Biogrup), xunto con outros 80 especialistas de 14 países.

Organizado polas Universidades de Malta e Aristóteles de Salónica, o encontro busca destacar o valor engadido de ferramentas cuantitativas para o avance da investigación na área de modelaxe preditiva, avaliación de risco e de ciclo de vida no ámbito das ciencias de alimentos, con especial fincapé na trazabilidade e na seguridade alimentaria. Na cita participarán tamén representantes da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) que abordarán os retos asociados á comunicación de riscos alimentarios e a importancia do modelado preditivo na seguridade alimentaria.

A conferencia englóbase no proxecto Q-SAFE, un Erasmus + (KA2) no sector agroalimentario no que participan sete universidades europeas –a USC, Malta, Birmingham (Reino Unido), University College Dublin (Irlanda), Aristóteles de Salónica (Grecia) , Católica de Lovaina (Bélxica), a Escola de Veterinaria Nacional Agri-Food and Food de Nantes (Francia)– e unha empresa privada, a sociedade Feiraco Cooperativa Galega (España). O obxectivo é a formación de novos investigadores no campo de modelos preditivos, avaliación de riscos e avaliación do ciclo de vida, a través da cooperación interinstitucional.

Rematan deste xeito as actividades formativas do proxecto, despois de dous seminarios intensivos en Malta e Compostela nos que una vintena de estudantes das universidades participantes aprenderon a utilizar diversas ferramentas de simulación, de aplicación a varios aspectos da industria alimentaria: dende a seguridade alimentaria ata a a avaliación do impacto ambiental da produción e procesado dos alimentos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.04.2017.