Pasar al contenido principal

Xuntanza de CLARIAH-ES, infraestrutura dixital de investigación para as Humanidades e Ciencias Sociais

18.07.2024 | 15.30h

Hotel Exe Peregrino
Av. de Rosalía de Castro, S/N, 15706 Santiago de Compostela

Participan representantes do nodo galego, CLARIAH-GAL, conformado polo ILG e o CiTIUS da USC

O nodo galego está conformado polo ILG e o CiTIUS da USC
O nodo galego está conformado polo ILG e o CiTIUS da USC

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asiste o xoves 18 á reunión de CLARIAH-ES, infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte, á súa vez, das infraestruturas europeas de investigación CLARIN e DARIAH para as Humanidades e Ciencias Sociais. A apertura será ás 15.30 horas no Hotel Exe Peregrino.

A esa xuntanza, que se alongará ata o venres, asistirán representantes dos diferentes nodos que conforman no Estado esta infraestrutura dixital; no caso galego, do ILG e do CITIUS da USC. O ILG participa desde o ano 2022 na infraestrutura de CLARIN, pois é un dos centros que constitúen o Spanish CLARIN Centre-K(link is external), que ofrece coñecementos e experiencias na utilización de tecnoloxía para a investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

Participa tamén o director xeral de Planificación Estratéxica en Tecnoloxías Dixitais Avanzadas e Nova Economía da Lingua do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, Manuel González Bedia.

CLARIAH-ES
CLARIAH-ES está formada inicialmente por 10 entidades de investigación españolas que están relacionadas coas infraestruturas europeas de investigación, xa constituídas como European Research Infrastructure Consortium (ERIC), para as humanidades e ciencias sociais: CLARIN e DARIAH.

O obxectivo xeral de CLARIAH-ES é impulsar actividades de promoción destas infraestruturas e organizar a participación oficial de España nelas, contribuindo deste xeito ao avance da investigación española en Humanidades, Artes e Ciencias Sociais así como ao seu posicionamento estratéxico en proxectos e programas internacionais.

CLARIN (Infraestrutura Común de Tecnoloxía e Recursos Lingüísticos) está conformada por centros de 23 países co obxectivo de dar soporte ao intercambio, uso e mantemento de datos e ferramentas lingüísticas para a investigación en Ciencias Sociais e Humanidades. Pola súa banda, DARIAH (Infraestrutura de Investigación Dixital de Artes e Humanidades) busca potenciar con tecnoloxía dixital a investigación e a docencia nas Artes e as Humanidades. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2024.