
O vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, preside este mércores ás 9.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a inauguración do seminario internacional 'O Corpo Humano entre a antigüidade e o barroco: ciencia, arte e pensamento', nun acto no que estará acompañado polo decano da Facultade, Xavier de Donato; a directora da Biblioteca Universitaria María Isabel Reyes; e o coordinador do grupo de investigación Síncrisis, Pedro López-Barja.
O seminario desenvolverase entre os días 4 e 6 de setembro nesa facultade e está organizado por membros do Instituto de Humanidades da USC (iHUS) pertencentes ás Facultades de Filosofía, Filoloxía e Xeografía e Historia da USC, estando integrado o comité por Xavier de Donato, Irune Valderrábano, Laura Mª Lojo Rodríguez, Pedro López Barja e Carme López Calderón. A inauguración oficial do seminario será o mércores 4 de setembro ás 9.30 horas.
Este seminario será acompañado dunha exposición na Igrexa da universidade que estará aberta do 3 ao 11 de setembro e que inclúe unha colección de valiosos exemplares de anatomía e doutras obras relacionadas co corpo humano pertencentes á Biblioteca Xeral.
