Pasar al contenido principal

Xornada formativa sobre micoloxía, certificacións forestais e protección da natureza

12.09.2024 | 17.00h-20.00h

Enmárcase no proxecto CAPRIF-CC que pretende promover un novo modelo de xestión forestal multifuncional e sostible

Estación Científica do Courel da USC
Estación Científica do Courel da USC

O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) desenvolverá o vindeiro xoves 12 de setembro, de 17.00 a 20.00 horas, na Estación Científica do Courel da USC, unha xornada formativa sobre a valorización dos recursos dos montes, que prestará especial atención ás certificacións forestais, o aproveitamento micolóxico e a protección da natureza como motor de desenvolvemento rural. Estas temáticas foron identificadas como “prioritarias” polos asistentes ao primeiro obradoiro participativo ‘Living Lab’ que tivo lugar o pasado 27 de xuño en Seoane do Courel para avanzar cara a un modelo de xestión multifuncional do monte.

A esta nova xornada do proxecto CAPRIF-CC están convidadas todas as persoas, colectivos e entidades que forman parte da cadea de valor do monte. Para inscribirse, é preciso enviar un correo electrónico cos datos persoais á dirección corunatec [at] fceer.org (corunatec[at]fceer[dot]org). A xornada incluirá a participación de tres especialistas nas citadas áreas: o enxeñeiro forestal e consultor en bioeconomía Marcos Estévez abrirá a sesión co relatorio ‘Certificacións forestais e servizos dos ecosistemas’; o consultor en conservación da natureza e desenvolvemento rural Alberto Navarro Gómez abordará a ‘Protección da natureza como motor de desenvolvemento rural’; e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, centrarase no ‘Aproveitamento micolóxico. Regulación e posta en valor’.

Esta xornada formativa enmárcase no proxecto CAPRIF-CC que pretende promover un novo modelo de xestión forestal multifuncional e sostible, e desenvolverase ata decembro de 2025 en cinco zonas de Galicia e Asturias, sendo unha delas o ‘Living Lab’ Ancares-Courel. O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2024.