Pasar al contenido principal

Simposio internacional 'Historia e innovación para a agroecoloxía 2024'

27.09.2024 | 09.00h

Edificio Fontán. Cidade da Cultura
Santiago de Compostela

Está organizado polo grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC)

Edificio Fontán. FOTO: Cidade da Cultura
Edificio Fontán. FOTO: Cidade da Cultura

O Simposio internacional 'Historia e innovación para a agroecoloxía 2024' desenvolverase o venres 27 de setembro a partir das 9.00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Organizado polo grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), ten como obxectivo debater desde a perspectiva histórica a innovación e o cambio tecnolóxico para a agroecoloxía, así como reflexionar sobre a proposta dunha transición ecolóxica dende o coñecemento histórico. No evento participarán persoas que traballan nestes temas por toda Europa desde distintos enfoques.

As teorías da innovación e do cambio tecnolóxico na agricultura foron construídas co obxectivo de aumentar a intensificación produtiva e co horizonte da industrialización, especialmente na Europa posterior á Segunda Guerra Mundial. Actualmente, segundo indica a organización do simposio, a intensificación e a obsesión pola produtividade continúan a orientar a produción agrícola e pecuaria en toda Europa, mentres se discuten novas vías de innovación e mudanza tecnolóxica, con base en criterios como a redución da polución, a economía circular ou a utilización de fontes de enerxía renovábeis. Con todo, estas tentativas adoitan abordarse desde un punto de vista tecno-científico cunha base sociohistórica débil ou inexistente.

O grupo de investigación Histagra leva vinte anos estudando as mudanzas e a traxectoria do mundo rural galego e unha das súas principais liñas de investigación é o cambio tecnolóxico e a innovación na agricultura galega, apostando ademais por recuperar o coñecemento e o saber facer labregos, as suposicións teóricas, as experiencias científicas, os ecosistemas de diálogo entre científicos e agricultores, os modelos de innovación e as prácticas agroecolóxicas e resilientes concretas que preceden á hexemonía da modernización.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2024.