Pasar al contenido principal

Botan a andar as xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC que se estenderán ata o 26 de setembro en Lugo e Santiago

Imaxe de arquivo das xornadas #BenVidaUSC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo das xornadas #BenVidaUSC. FOTO: Santi Alvite
Concertos, aulas abertas de múltiples temáticas culturais e deportivas, visitas guiadas por diversos espazos universitarios, aprendizaxe de idiomas, ou obradoiros permitirán, entre outros contidos, que o estudantado descubra os servizos ofertados pola Universidade
Lugo, Santiago de Compostela

As xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC comezan nos campus de Lugo e de Santiago este luns 16 e estenderanse ata o xoves, 26 de setembro. Concertos, aulas abertas de múltiples temáticas culturais e deportivas, visitas guiadas por diversos espazos universitarios, sesións nas que compartir un café mentres aprendes novos idiomas, obradoiros, torneos, feiras de emprego ou presentacións para coñecer de primeira man os servizos da Universidade integran a nova edición deste programa. 

Entre os múltiples eventos ofertados, atópanse dous concertos do grupo The Rapants que terán lugar o mércores 25 na explanada da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo (en caso de choiva, o concerto trasladaríase ao Auditorio de Veterinaria) e o xoves 26 na Praza de Mazarelos de Compostela. Neste último caso, o evento conta tamén coa actuación de Funk à Feira. Tanto en Lugo como en Santiago, os concertos terán lugar a partir das 20.30 horas. O programa de #BenVidaUSC diríxese ao conxunto da comunidade universitaria coa excepción dos concertos, cuxo acceso será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos. 

#BenVidaUSC chega á súa terceira edición coa vontade de que a comunidade universitaria coñeza de primeira man todo o que a USC ofrece máis alá da formación específica de cada titulación. Trátase de actividades cun contido máis lúdico pero de carácter transversal que tamén son chave na formación de cada estudante. A filosofía do programa de actividades deseñado pola USC pasa por dar a coñecer ao estudantado as diferentes alternativas que, como complemento á súa formación, lles ofrece tanto a propia institución académica como as cidades de Lugo e Compostela. 

Palabras de benvida do reitor Antonio López Díaz
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2024.