O Consello de Goberno da USC reunirase o mércores 25 de setembro para tratar diversos asuntos centrados fundamentalmente en materia de persoal e normativa de titulacións

O Consello reúnese presencialmente no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a partir das 9.30 horas e poderase seguir igualmente desde a Sala Multiusos da Biblioteca Intercentros de Lugo. Comezarase estudando a cobertura dunha vacante na Comisión de Revisión e na Comisión de Avaliación de Conflitos, a proposta de Planificación Complementaria de PDI 2024 e unha corrección na proposta de asignación de complementos de recoñecemento de mérito docente da convocatoria 2023.
Continuarase analizando a proposta de incorporación de persoal investigador do Programa Ramón y Cajal a áreas de coñecemento da USC, a convocatoria anual 2024-2025 para a tramitación de novas propostas e modificacións de memorias de titulacións de grao, másteres universitarios e programas de doutoramento e a modificación da relación de postos de traballo de PTXAS Laboral.
Así mesmo, estudarase a creación da cátedra institucional Araguaney para o diálogo entre culturas e da cátedra institucional Otero Pedrayo, e a aprobación do logo da cátedra de Cultura Latinoamericana Alejo Carpentier e o da cátedra Saúde Ambiental.
A continuación presentarase a memoria de actividades do Instituto de Ciencias da Educación e tratatase a declaración do carácter excepcional e singular de dúas solicitudes de subvención obxecto de convenio á Deputación da Coruña para financiar a programación de actividades. Tamén se debaterá a aprobación de cursos de estudos propios, de memorias de estudos e a transferencia de coñecemento, así como a participación da USC na Asociación Profesional Española de Privacidade (APEP).
Na parte final do consello falarase de convenios e asuntos económicos e presentarán os seus informes o reitor, as vicerreitoras e vicerreitores, o xerente e a secretaria xeral, finalizándose cunha rolda aberta de intervencións.