O relatorio está aberto ao público en xeral

No marco da IX Convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC, persoal da Fundación Secretariado Xitano presentará, ante o estudantado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, a súa actividade, alén de dar conta do programa Acceder, unha iniciativa para fomentar a formación e o emprego que promove a incorporación da poboación xitana ao mercado de traballo como porta á inclusión social.
Esta é unha acción especialmente dirixida ao estudantado de 3º e 4º dos graos en ADE e en Empresa e Tecnoloxía, malia estar tamén aberta ao público en xeral. Na sesión que ten lugar este luns 30 de setembro, ás 9.15 horas, no Salón de Graos da Facultade, tamén se realizará unha aproximación a cultura xitana.