Pasar al contenido principal

Descubrimento dunha placa na honra do matemático José Rodríguez González

01.10.2024 | 20.00h

Igrexa de Santo Agostiño
Santiago de Compostela

José Rodriguez González (Bermés, Lalín 1770, Santiago de Compostela 1824), foi catedrático de Matemáticas da USC.

José Rodríguez ten un lugar destacado no Paraninfo da USC
José Rodríguez ten un lugar destacado no Paraninfo da USC

José Rodriguez González (Bermés, Lalín 1770, Santiago de Compostela 1824), foi catedrático de Matemáticas da USC, xeodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico polos principais centros de Europa. José Rodríguez foi unha persoa autodidacta capaz de dedicarse e destacar en distintos campos da ciencia e pode ser considerado como o primeiro gran home das ciencias de Galicia.

O 1 de outubro de 1824, hai xusto agora 200 anos, foi soterrado por vontade propia, tal como consta no seu testamento preparado na mesma mañá do día 30 de setembro, na igrexa de Santo Agostiño de Santiago de Compostela. Precisamente, no desenvolvemento da tese de doutoramento sobre este ilustre persoeiro, defendida na Universidade de Vigo por Carmen Villanueva e dirixida polo catedrático emérito de Astronomía da USC, José Ángel Docobo, a doutora averiguou no libro de enterramentos dos agostiños en Madrid o lugar exacto onde foran depositados os restos mortais do coñecido como matemático Rodríguez.

Para conmemorar esta efeméride e renderlle unha merecida homenaxe, o profesor Docobo promoveu un acto de homenaxe co descubrimento dunha placa conmemorativa na igrexa compostelá de Santo Agostiño. Será este martes 1 de outubro ás 20 horas nun acto no que ademais do profesor Docobo intervirán o reitor Antonio López, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o arcebispo emérito Julián Barro.

Extensa traxectoria profesional
O matemático Rodríguez foi ademais mestre de Domingo Fontán na Universidade de Santiago, a quen, grazas ao seu saber e experiencia en proxectos xeodésicos internacionais, Rodríguez lle inculcou a idea da realización da Carta Xeométrica de Galicia. Posteriormente enviou material de primeira calidade dende París, imprescindible para a elaboración de tan magna obra.

Traballou en Francia cos especialistas mais sobranceiros en matemáticas, xeodesia e astronomía. Formou parte da expedición franco-española que prolongou o meridiano de París dende Barcelona a Formentera,  co obxecto de poder definir o metro con maior precisión, e realizou amplas estadías científicas tamén en Inglaterra, Alemaña, e Italia. En Alemaña alternou co príncipe das matemáticas, Carl Friedrich Gauss, e co iniciador da mineraloxía, Abraham Werner. 

A categoría científica de Rodríguez era ben recoñecida na súa época, recibindo propostas para dirixir traballos xeodésicos en Arxentina e Rusia. Non os aceptou pois consideraba que era o seu país o que debía beneficiarse dos coñecementos que adquirira durante as longas estancias en Europa, contribuíndo dese xeito ao progreso da súa patria. Foi designado para ocupar a cátedra de Astronomía no Museo de Ciencias de Madrid e a dirección do Observatorio Astronómico de dita cidade. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2024.