No encontro trataranse dende as discilplinas lingüísticas máis clásicas como a morfoloxía ou a sintaxe ata as máis innovadoras como as tecnoloxías lingüísticas ou os estudos de xénero

Máis dun cento de especialistas en todas as disciplinas lingüísticas, dende as máis clásicas como a morfoloxía ou a sintaxe ata as máis innovadoras como as tecnoloxías lingüísticas ou os estudos de xénero, daranse cita a mediados de mes na Facultade de Filoloxía no 38 Congreso Internacional da Asociación de Jóvenes Lingüistas (AJL). A candidatura da USC para acoller este encontro internacional dirixido a persoal investigador non doutor foi escollida na anterior convención que tivo lugar en Madrid en 2023.
Ante unha “realidade lingüística diglósica enormemente complexa”, explican as persoas organizadoras, “consideramos que a riqueza lingüística do territorio ha de ser tamén motor e motivo de peso durante este congreso”. Deste xeito, o programa do encontro é “variado e multilingüe, no que calquera lingua da península será obxecto de estudo, pero tamén vehículo de ciencia”, engaden.
O acto de apertura oficial do congreso desenvolverase o mércores 16 de outubro ás 11.30 horas baixo a presidencia da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e nela intervirán o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó Torres; o presidente da Asociación de Jóvenes Lingüistas, David Navarro; o antigo socio e fundador da AJL, Juan José López Rivera; e Estela Fidalgo como representante do comité organizador.
Ademais das comunicacións orais, o congreso contará con tres conferencias convidadas. A primeira, logo da apertura do encontro, correrá a cargo de Iria de Dios Flores (UPF) e leva por título ‘O procesamento de dependencias de longa distancia: anáfora, concordancia, e a importancia da información léxico-semántica’. O xoves haberá a oportunidade de compartir reflexións con Juan Carlos Moreno Cabrera cun conversatorio acerca da dignidade e igualdade das linguas. Por último, o venres será o tempo de Andrea Ariño Bizarro (UNIZAR), gañadora do premio AJL, coa conferencia ‘¿Fue queriendo o sin querer? El papel del lenguaje en el procesamiento y codificación de las causas y los efectos en español’.