Santiago de Compostela
Salón de Actos
Seis entidades galegas e cinco portuguesas avalían os resultados de proxectos coma o desenvolvemento dun escáner de alta resolución ou o diagnóstico precoz de tumores

O segundo workshop da rede de colaboración GallaeciaPET comeza este luns 7 de outubro no Salón de Actos do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O reitor Antonio López inaugura este encontro ás 17.00 horas acompañado polo subdirector do CiMUS, José Luis Labandeira; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; e a directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), María Luz Couce.
Seis entidades galegas e cinco portuguesas -centros de investigación e tecnolóxicos, hospitais, universidades e empresas- reúnense neste workshop para poñer en común os logros do primeiro ano desta plataforma que supón importantes avances tecnolóxicos e o desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico, con proxectos como o desenvolvemento dun escáner de alta resolución para tomografía de emisión de positróns (PET) cerebral, avances en diagnóstico precoz e tratamento de tumores cerebrais, e en enfermidades inflamatorias, así como a colaboración directa para o desenvolvemento de terapias CAR-T e produción de novos radiofármacos.
A tomografía de emisión de positróns é unha técnica diagnóstica non invasiva de medicina nuclear que permite tomar imaxes do organismo. É unha proba que utiliza pequenas cantidades de substancias radioactivas denominadas radiosondas ou radiofármacos, unha cámara especial e un equipo informático para avaliar as funcións de tecidos e órganos. Mediante a identificación de cambios a nivel celular, a PET pode detectar as manifestacións temperás de enfermidades como o cancro antes que outros exames por imaxes. Trátase, por tanto, dunha técnica de gran utilidade en diagnóstico e seguimento das enfermidades tumorais, que pode usarse de maneira combinada con outras probas de imaxe, como o TAC, e achegar unha información máis exhaustiva e precisa da zona de estudo.
Como parte do workshop, este martes 8 de outubro as persoas asistentes visitarán o Centro de Fabricación de Radiofármacos PET de Galicia, situado nun edificio anexo ao do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.