No seu paso pola Biblioteca Intercentros, a mostra enriquecerase con dúas novas seccións, inéditas ata o de agora

A mostra itinerante ‘8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo’ permanecerá na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo do 17 ao 31 de outubro. A mostra consta de nove paneis: un introdutorio e outros oito dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.
Tratase dunha mostra que xa percorreu outras bibliotecas do Estado, así como da propia USC, e cuxa idea orixinal e deseño corresponden a Pedro Quílez. No caso da Universidade de Santiago de Compostela, fíxose a tradución ao galego e escolléronse versións daquelas obras que contaban cunha edición en lingua galega.
No seu paso pola Biblioteca Intercentros, a mostra enriquecerase con dúas novas seccións. Unha delas está dedicada a oito autoras galegas clásicas das que se amosará algún fragmento pouco coñecido da súa obra, mentres que a outra parte inédita da exposición céntrase de xeito específico na obra de autoras lucenses. O acto inaugural da mostra desenvólvese o día 17, ás 13.00 horas.
