O profesor da USC lerá o discurso de ingreso titulado ‘Saúde, gandería e medio ambiente: unha relación viable’, ao que dará resposta a tamén académica de número Cristina Castillo Rodríguez

O profesor da Facultade de Veterinaria da USC Rodrigo Muiño Otero toma posesión este xoves 17, ás 18.00 horas, da cadeira número 22 de académico de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. O acto que contará coa asistencia do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, desenvolverase no Auditorio da Facultade de Veterinaria. O profesor da USC lerá o discurso de ingreso titulado ‘Saúde, gandería e medio ambiente: unha relación viable’, ao que dará resposta a tamén académica de número Cristina Castillo Rodríguez.
O profesor Muiño era, ata o de agora, académico correspondente adscrito da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia dende o ano 2015 e alberga vinte anos de traxectoria clínica profesional, a maior parte do tempo exercida no centro veterinario Meira SLP, onde levou a cabo tarefas de control de calidade do leite, control sanitario, reprodutivo, clínica e cirurxía do gando vacún e pequenos animais. É membro do grupo de investigación Metabolismo e patoloxía animal da USC, institución na que se doutorou en 2008 e na que imparte docencia.