A USC mellora as previsións de liquidación do déficit contempladas no Plan Económico Financeiro de Reequilibrio

A Universidade de Santiago cerrou o exercicio económico de 2016 cun superávit de preto de 3 millóns de euros e unha redución do seu déficit que se sitúa agora en 9,47 millóns de euros. Segundo as cifras presentadas este venres ante o Consello de Goberno, a USC mellora de modo significativo as previsións de liquidación do seu déficit contempladas no seu Plan Económico Financeiro de Reequilibrio (PEFR). Se ben este plan fixaba para 2016 un déficit de 13,91 millóns de euros, na actualidade a Universidade de Santiago mellora estas previsións en 4,43 millóns.
Como explicou o xerente José M. Villanueva na presentación ante o Consello de Goberno, os resultados para 2016 están relacionados coa dinámica de ingresos, nomeadamente co novo plan de financiamento do sistema universitario galego, e cos ingresos derivados dos custes indirectos de investigación, tanto de proxectos como de servizos. Por este último capítulo, a USC obtivo durante o pasado exercicio económico 5,73 millóns de euros.
As contas da USC rexistran por segundo ano consecutivo unha evolución positiva da liquidación orzamentaria xa que en 2015 tamén se rexistrara superávit por valor de 1,66 millóns de euros, cun déficit que ascendeu naquel ano a 12,42 millóns de euros.
Na mesma xuntanza deuse conta do informe sobre a contabilidade analítica do pasado 2016. A USC traballa co modelo de contabilidade analítica CANOA, que os Ministerios de Educación e Facenda estableceron como o obrigatorio para as universidades, e que permite á institución dispoñer dunha información detallada dos custos e das marxes de cobertura das diferentes actividades desenvolvidas nela.