Pasar al contenido principal

Encontro 'As investigacións internacionais na Cátedra Valente'

25.10.2024 | 16.00h

Santiago de Compostela
Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética.
Último andar da Biblioteca da Facultade de Filoloxía

Na xornada trataranse en sesións diferenciadas as investigacións epistolares, interculturais e interdisciplinarias

'Valente en Rodalquilar' de Ramón Pérez Carrió
'Valente en Rodalquilar' de Ramón Pérez Carrió

O próximo venres 25 de outubro terá lugar na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, situada no último andar da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, un encontro sobre investigacións internacionais acometidas na propia Cátedra Valente, que se desenvolverá entre as 16.00 e as 20.30 h. da tarde. O encontro será presentado e conducido polo poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente, e constará de tres seccións, respectivamente, sobre investigacións epistolares, investigacións interculturais e investigacións interdisciplinarias.

Na primeira sección, sobre investigacións epistolares, intervirán a profesora Ruth Fernández Fernández, doutora pola USC cunha tese sobre sobre Aleixandre e Valente; a investigadora predoutoral Laura Paz Fentanes, máster pola USC cun TFM sobre Bousoño e Valente, e o profesor na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil), Saturnino Valladares,  doutor pola USC cunha tese sobre o epistolario de Valente cos poetas españois da súa idade. As dúas primeiras falarán das relacións epistolares respectivamente mencionadas e o terceiro da relación entre Valente e o poeta e ensaísta José-Miguel Ullán.

Na segunda sección, sobre investigacións interculturais, intervirán a ensaísta e catedrática de Francés María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña, quen falará de Valente en París, e a investigadora e xestora cultural Cristina Fiaño, máster pola USC cun TFM sobre Valente e Gelman, quen falará de Valente en Cuba.

Xa na terceira sección sobre investigacións interdisciplinarias, intervirá a investigadora romanesa da USC Adina Ioana Vladu, doutora pola Universidade de Bucarest, quen dará a coñecer a súa exploración computacional da poesía de Valente, e a investigadora italiana, actualmente en estancia investigadora na Cátedra Valente, Maria Maffei, doutoranda na Universidade de Bérgamo, quen presentará a súa tese en curso sobre o poema en prosa de Valente dende unha perspectiva tradutolóxica.

Este encontro internacional súmase aos xa realizados na Cátedra Valente con poetas como o español Antonio Gamoneda e o francés Bernard Noël, ou con filósofos como José Luís Pardo. Neles participaron filólogos de Europa, como o británico Arthur Terry, a francesa Claudie Terrasson ou a italiana Cristina Marchisio; de África, como a marroquí Fatiha Benlabbah, e de América, como o estadounidense Jonathan Mayhew, todos eles estudosos de Valente, ademais de moitos outros investigadores galegos e españois.

A Cátedra Valente publicou numerosos libros con estas achegas internacionais, como os tres volumes do ensaio biográfico Valente vital, as obras colectivas Referentes europeos en la obra de Valente e Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades) ou as monografías individuais La idea del lenguaje en la poesía española, de Arthur Terry, e En el espacio de la mediación. José Ángel Valente y el discurso místico, de Fatiha Benlabbah.

Nesta ocasión entregarase ao público asistente o libro Aleixandre y Bousoño escriben a Valente, de Ruth Fernández Fernández e Laura Paz Fentanes.
 

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2024.