
Este martes 29 de outubro toma posesión do seu cargo o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, nun acto que presidirá o reitor Antonio López e que se desenvolverá a partir das 12.30 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria.
Gonzalo Fernández, profesor da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, foi reelixido o 9 de maio decano da Facultade de Veterinaria nos comicios que se desenvolveron no centro.
Os obxectivos que presentou para esta nova etapa baséanse en facer realidade a planificación realizada polo centro no marco do Plan Estratéxico 2024-2026 e na proposta de Grao de Excelencia. Neste senso, “as liñas estratéxicas refírense á planificación da ensinanza e desenvolvemento da docencia centrada no estudantado e no futuro da profesión, a xestión eficiente de recursos, a innovación docente, transformación dixital e internacionalización e a comunicación, transparencia e transferencia”, explicou o profesor Fernández Rodríguez.
Todo iso para que a facultade cumpra a súa misión de mellora da saúde e o benestar dos animais e da saúde pública a través da excelencia na educación, a investigación, a práctica profesional e o servizo comprometido coa sociedade e “siga sendo un referente no ámbito nacional e internacional”, subliñou o decano.
Gonzalo Fernández Rodríguez xa fora elixido en 2020 para dirixir a Facultade de Veterinaria. O profesor pertence ao grupo de investigación INVESAGA onde a súa tarefa se centra nas enfermidades infecciosas dos animais.
