Pasar al contenido principal

Silvia González Corredera e Susana Brandariz gañan a segunda edición do concurso de subtitulación ao galego #TED-Saúde

Silvia González Corredera e Susana Brandariz gañan a segunda edición do concurso de subtitulación ao galego #TED-Saúde
Silvia González Corredera e Susana Brandariz gañan a segunda edición do concurso de subtitulación ao galego #TED-Saúde

Silvia González Corredera polos subtítulos de ‘ A historia esquecida do autismo’, elaborados para o vídeo ‘The forgotten history of autism’, de Steve Silberman, e Susana Brandariz Varela polos de ‘ Como facer do estrés un amigo’, elaborados para o vídeo ‘How to make stress your friend’, de Kelly McGonigal, son as gañadoras da segunda edición do concurso de subtitulación ao galego de vídeos #TED-Saúde. Esta é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística (SNL) da Facultade de Farmacia co apoio do SNL da USC para incrementar os contidos da área de ciencias da saúde elaborados en galego e presentes na rede e, máis concretamente, de vídeos TED que se poidan ler en galego. O concurso do que agora se coñecen as gañadoras incluía tamén un seminario previo para divulgar o funcionamento da plataforma de subtitulación de TED e aconsellar sobre a tradución entre inglés e galego.

Desta segunda edición da actividade saíron finalmente 20 títulos que se presentaban ao concurso, once na modalidade A (membros da comunidade universitaria da USC non pertencentes á comunidade TED e que debían cursar ese seminario previo) e nove na B, aberta a participación de calquera membro da comunidade TED. Silvia Corredera foi a gañadora na primeira modalidade, recoñecida con 250 euros e diploma, mentres que Susana Brandariz gañou na modalidade B, dotada con 150 euros e diploma.

As vinte subtitulacións ao galego deste ano súmanse a outros 31 vídeos da edición do pasado ano, accesible todos eles no catálogo do SNL, dende a lista de Youtube do SNL ou dende o propio TED. Nestes dous últimos casos, é preciso activar o subtitulado en galego, para o cal basta premer na roda de configuración (abaixo á dereita) e activar os subtítulos en galego. En total, os vídeos mostran como van cambiar os robots a cirurxía, a aprendizaxe dos bebés, a relación entre linguaxe e esquizofrenia, a fisioterapia e os videoxogos, a historia do autismo ou como aproveitar positivamente o estrés, todos eles coas conseguintes explicacións en galego.

Formaron parte do xurado Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC; Mario Cal Varela, docente do Obradoiro de Subtitulación, e profesor do Dpto. de Filoloxía Inglesa da USC; Xusto A. Rodríguez e Isabel Vaquero, técnicos do SNL da USC. A entrega de premios de #TED-Saúde farase a principios do vindeiro curso académico nun acto na Facultade de Farmacia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.06.2017.