Pasar al contenido principal

Presentación da Cátedra Institucional Castelao

05.11.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Os obxectivos principais serán o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional do autor rianxeiro e da súa traxectoria, así como da cultura galeguista

Castelao nun mitin en Montevideo en 1945. FOTO: Fundación Castelao
Castelao nun mitin en Montevideo en 1945. FOTO: Fundación Castelao

O reitor Antonio López preside este martes 5 de novembro a partir das 12.00 horas o acto de presentación da Cátedra Institucional Castelao da USC, que se desenvolverá no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e no que estará acompañado polo decano do centro, Elias Feijó; o director da Cátedra Castelao, Henrique Monteagudo; e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García. Ao finalizar a presentación da Cátedra, realizarase un percorrido pola exposición ‘Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)’.

A USC incorporou no Consello de Goberno do 23 de febreiro deste ano a cátedra institucional dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía ou activismo político.

Os obxectivos principais desta cátedra serán o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, a súa traxectoria e a súa obra, escrita, cívica e artística, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.

Desenvolveranse ademais encontros académicos e actos divulgativos e produciranse materiais de distinto tipo, en particular, considérase prioritaria a creación dun sitio web de referencia, que deberá realizarse en colaboración con diversas entidades; tamén se organizarán actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital do autor, en particular na vila de Rianxo e nas cidades de Compostela e Pontevedra.

Así mesmo, dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra do autor nos diversos campos -desde a Fundación Castelao ata o Museo do Pobo Galego-, e con aquelas vencelladas co estudo da tradición galeguista e coa memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. A tarefa de divulgación, en xeral, terá lugar en forma de difusión a través da rede, e, no posible, de forma itinerante a través de exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.

Esta nova cátedra enmárcase no obxectivo da USC de crear cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autores e autoras da literatura galega, tal e como xa sucedeu coa creación da Cátedra Rosalía de Castro. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2024.