Pasar al contenido principal

Charla de Marie Vidal sobre protonterapia no Día da Física Médica

07.11.2024 | 12.00h

A física médica Marie Vidal imparte no CiMUS a conferencia 'Clinical challenges and opportunities in protontherapy at Centre Antoine Lacassagne'

Sede do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Sede do CiMUS. FOTO: Santi Alvite

A USC conmemora o Día Internacional da Física Médica no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e farao cunha conferencia sobre protonterapia da man dun dos referentes mundiais neste campo, Marie Vidal, física médica no Centro Antoine Lacassagne, en Niza. A súa intervención versará sobre os cambios clínicos e as oportunidades que xera a protonterapia, contextualizando a súa aplicación no Centro Antoine Lacassagne ao que está adscrita. Será este xoves 7 de novembro a partir das 12.00 horas no Salón de Actos do CiMUS.

A elección do tema entronca con dous aspectos claves para a USC: por unha banda, a recente ampliación por parte do CiMUS das súas áreas de investigación cunha nova liña de estudo, a protonterapia, sumando ao equipo deste Centro Singular a nova investigadora principal Yolanda Prezado, científica referente en París neste campo, e, por outro, a construción do Centro de Protonterapia de Galicia que segundo previsións oficiais comezará a funcionar en 2026, convertendo esta comunidade na primeira en contar cun centro destas características.

Coa conferencia, desde o CiMUS quérese poñer en valor o feito de que a protonterapia, tamén coñecida como radioterapia de alta precisión, permitirá situar a Galicia á vangarda dos novos tratamentos contra o cancro e lémbrase que se trata dunha aposta clara da comunidade pola investigación física e sanitaria que redunda en beneficio da cidadanía.

Eficiencia
A protonterapia, informa o CiMUS, demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns, sendo unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa, os tratamentos e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A protonterapia reduce de forma significativa efectos indesexados en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para loitar contra tumores nos que a radioterapia convencional non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que usa raios X para atacar o tumor, pero que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.

No caso do cancro infantil, unha das principais vantaxes dos protóns en pacientes oncopediátricos é a súa capacidade de preservación de tecidos sans. A precisión deste tipo de radioterapia permite que se poida aspirar a unhas taxas de supervivencia moi elevadas e nunhas condicións de calidade de vida o máis óptimas posibles. En casos como os tumores neuropediátricos, por exemplo, a protonterapia consegue preservar mellor as funcións neurolóxicas.

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2024.