Pasar al contenido principal

I Conferencia Académica Internacional 'Universidades e roteiros culturais'

13.11.2024 | 09.15h

Santiago de Compostela

Centro de Estudos Avanzados da USC. FOTO: Santi Alvite
Centro de Estudos Avanzados da USC. FOTO: Santi Alvite

O Grupo Compostela de Universidades, xunto co Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, trae a Santiago a primeira Conferencia Académica Internacional ‘Universidades e Rutas Culturais’, un evento único e pioneiro que se desenvolverá no Centro de Estudos Avanzados da USC os días 13 e 14 de novembro. Na conferencia participarán especialistas e representantes dos roteiros culturais para dialogar sobre o papel destes na educación e o desenvolvemento cultural europeos.

O Instituto Europeo de Itinerarios Culturais é unha organización ligada ao Consello de Europa que coordina e promove as rutas culturais do continente, apoiando a preservación e o desenvolvemento destas rutas e fomentando o diálogo entre nacións. O  seu traballo céntrase en potenciar os valores culturais comúns, a sostibilidade e o desenvolvemento de programas que involucren a comunidades e institucións académicas de toda Europa. Faino a través de roteiros culturais que promoven a historia e os valores europeos, con 48 certificados e 35 estados membros activos en 2020.

Santiago de Compostela foi a cidade seleccionada polo Instituto para este evento, en recoñecemento á estreita colaboración que mantén co Grupo Compostela de Universidades e o seu rol emblemático como destino do Camiño de Santiago, un dos itinerarios culturais europeos máis recoñecidos. A conferencia incluirá mesas redondas e sesións de traballo nas que se compartirán experiencias e boas prácticas sobre a contribución académica aos roteiros culturais. Ademais, as persoas asistentes gozarán de actividades culturais, como unha visita guiada polo patrimonio histórico de Santiago e un tramo do Camiño de Santiago.

A participación de institucións europeas nesta iniciativa, que conta coa colaboración da USC e da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, subliña a relevancia da cooperación transfronteiriza na conservación e promoción do patrimonio cultural. O evento culminará cunha Declaración Final que selará o compromiso entre universidades e o Consello de Europa para fortalecer a investigación sobre os itinerarios culturais.

Inauguración
Será a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, quen presida o mércores 13 ás 9.15 horas a inauguración da conferencia nun acto no que  estará acompañada pola presidenta do Grupo Compostela de Universidades, Carla Martins; o secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado do Consello de Europa e director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, e o xefe do Servizo de Proxectos Europeos da Subdirección Xeral do Ministerio de Cultura español,  Sergio Ortega Muñoz.

O encontro continuará cunha charla do ex reitor da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega, sobre a misión cultural das universidades. Pola súa banda, Stefano Dominioni presentará no encontro a Rede Universitaria de Estudos sobre Roteiros Culturais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2024.