Salón de Actos
Especialistas debaterán sobre procesos mediáticos coma este e as incertezas que aínda arroxa o caso

O Caso Asunta centrará o vindeiro 20 de novembro un seminario na Facultade de Dereito no que diversos especialistas debaterán sobre procesos mediáticos coma este e as incertezas que aínda arroxa o caso. Para participar é preciso formalizar unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo maria.castro.corredoira [at] usc.es (maria[dot]castro[dot]corredoira[at]usc[dot]es).
O seminario dará comezo ás 17.00 horas no salón de actos da Facultade coa presentación a cargo da decana, Ana Gude. A continuación terá lugar o primeiro debate, ‘Os procesos mediáticos e as influencias: a propósito do caso Asunta’, na que intervirán o fiscal xefe de Pontevedra, Pablo Varela Castejón, e o xornalista de La Voz de Galicia Xurxo Melchor Carrera. Modera a mesa o profesor Santiago B. Brage Cendán.
A segunda mesa, que moderará o profesor Gumersindo Guinarte, tratará as dúbidas e incertezas do caso Asunta e nela participan o que foi avogado penalista no caso, José Luis Gutiérrez Aranguren, e o catedrático de Medicina Legal e Forense da USC, José Ignacio Muñoz Barús.
O seminario está organizado conxuntamente polo Instituto de Criminoloxía da USC e o Grupo de Investigación IUSCRIM.