Persoal investigador da USC reúnese con representantes dos sectores agrario e pesqueiro para afrontar o cambio climático
Dúas ducias de representantes do mundo do agro e do eido da pesca reuníronse en Santiago con persoal investigador da USC para xerar un espazo de diálogo sobre os problemas que enfrontan, derivados do cambio climático, e as súas estratexias de adaptación, tendo en conta que estes sectores, tan vulnerables ao cambio climático, son vitais polo seu rol de provedores de alimentos e a súa relevancia na economía da comunidade galega.
Entre o grupo de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela que participaron no obradoiro estaban os profesores Sebastián Villasante, director de EqualSea Lab (CRETUS) e David Soto Fernández, membro do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
O obradoiro foi iniciativa de Alimentta, unha asociación científica que busca xerar e difundir coñecementos que contribúan ao desenvolvemento de modelos de extracción, produción, distribución e consumo de alimentos que incorporen criterios de saúde e socioambientais, así como o deseño de políticas públicas que favorezan a transición a un sistema alimentario saudable, sostible e xusto.
O obxectivo foi aproveitar o coñecemento ecolóxico tradicional das persoas do sector primario galego para un enriquecemento mutuo entre ciencia, sector primario e a administración pública, no marco do proxecto de ámbito estatal Vía Sabia. Nunha segunda rolda de obradoiros, a realizarse entre febreiro e marzo de 2025, o obxectivo será a procura de solucións, onde se espera contar coa participación das administracións locais. O proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.