Está dirixido ao estudantado do mestrado e grao de Enxeñería Química da ETSE e titulacións relacionadas do centro e das facultades de Física, Química, Matemáticas ou Ciencias Económicas da USC

Máis dunha vintena de empresas que son referencia en Galicia confirmaron a súa asistencia ao Foro de Empresas EQ-ETSE que terá lugar este xoves, 28 de novembro, de 9.00 a 15.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC. O obxectivo é ofrecerlle ao estudantado do grao ou máster en Enxeñería Química e titulacións relacionadas da USC a posibilidade de coñecer e ter un primeiro contacto con empresas nas que poderían traballar no futuro.
A esta cuarta edición do foro asistirán representantes de Cortizo, Vertex Bioenergy (Bioetanol Galicia), Bioga, Finsa, Foresa Technologies, Viaqua, Cetaqua, Altri, Repsol, Genesal Energy, Nueva Pescanova, Espina y Delfín, Ence, Lonza, CETIM, Alcoa, Idom, Syspro Automation e Clun. Tamén estarán presentes na xornada o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor) e membros da área de Orientación Laboral e da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.
O foro comezará ás 9.00 horas con presentacións curtas das empresas participantes. A segunda parte da xornada queda reservada para que o estudantado poida interactuar coas persoas representantes das empresas, deixar currículos e amosar as súas habilidades e expectativas de cara a posibles contratacións laborais.
