Pasar al contenido principal

Constatan que a era dixital intensificou a explotación e violencia contra as mulleres no sistema prostitucional

Jorge García Marín, Lorena Añón Loureiro e Begoña Gómez Vázquez, na presentación do estudo
Jorge García Marín, Lorena Añón Loureiro e Begoña Gómez Vázquez, na presentación do estudo
Un estudo da USC observa “fortes vínculos” entre sexo pagado, pornografía e violencia contra as mulleres, cun impacto negativo dos novos medios nas prácticas sexuais

O persoal investigador e docente da USC Jorge García Marín, Lorena Añón Loureiro e Begoña Gómez Vázquez presentaron este venres en Ciencias da Educación o estudo ‘O sistema prostitucional na era dixital: radiografía sociolóxica a partir dos discursos das mulleres prostituídas e/ou vítimas de trata sexual e de persoas técnicas en Galicia’. Nel suxiren que, no momento dixital que vivimos, ese sistema intensificou a explotación e violencia contra as mulleres e reafirman “a importancia de accións políticas, lexislativas e educativas para reducir o impacto desta industria na sociedade”. “Internet tense convertido nun novo campo social para o sistema prostitucional”, aseguran.

O informe parte de que o sistema prostitucional na era dixital adopta novas estratexias de publicidade, de captación, de coacción e de explotación sexual. “A pornografía, a prostitución e a trata sexual caracterízanse por estar intimamente relacionadas, e nelas lévanse a cabo representacións, prácticas opresoras, discursos e violencias contra as mulleres, que inflúen na forma de relacionarse, na percepción da sexualidade e no tratamento cara ás mulleres, desde unha óptica patriarcal”, afirman as autoras e autores. “E esta contorna na era dixital, na que impera o anonimato e a globalización da industria, incrementa a dificultade para escapar do sistema prostitucional”, engaden.

Así, as tecnoloxías da información e da comunicación son facilmente accesibles, permiten manterse no anonimato “e son un perfecto caldo de cultivo para captar mulleres e nenas en situación de vulnerabilidade e/ou risgo, aspectos dos que se aproveitan as persoas proxenetas e tratantes”. A industria sexual en liña é, pois, “un fenómeno sistémico de explotación de amplo alcance, de máxima exposición e impacto, especialmente para a poboación nova”, aseguran.

Enquisas a persoal experto e mulleres prostituídas
O informe, liderado polo profesor Jorge García Marín, realizárono dous equipos de investigación do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación da Facultade de Ciencias da Educación. A presentación tivo lugar no marco da xornada ‘Diálogos e reflexións sobre a violencia simbólica e sexual na era dixital: unha aproximación ao sistema prostitucional’.

En base a enquisas e entrevistas realizadas a persoal técnico, forzas e corpos de seguridade e mulleres en contexto de prostitución, o estudo pretende coñecer as características que se perciben da prostitución na actualidade, as páxinas de anuncios de prostitución e foros de compradores de prostitución máis coñecidos, e a opinión sobre os seus contidos, o tratamento que se outorga á muller, así como as necesidades e cambios que se consideran importantes no ámbito da prostitución. Segundo a opinión das persoas entrevistadas, existe unha correlación entre a introdución de internet na industria sexual e a súa vinculación co incremento do consumo de pornografía, da prostitución e da violencia sexual.

Prostitución e pornografía
Do estudo obsérvanse “fortes vínculos” entre sexo pagado, pornografía e violencia contra as mulleres, con incidencia ademais no impacto negativo dos novos medios nas prácticas sexuais “tanto no que se refire ao aumento de consumo e cosificación/sexualización das mulleres, con guións sexuais estereotipados, así como á aparición de novas formas de violencia e a normalización da trata “ao tempo que se reafirma a identidade masculina hexemónica”.

A pornografía, apunta o equipo autor do estudo, “contribúe a un imaxinario de dominio e cosificación cara á muller, influenciando as prácticas e percepcións dos consumidores (prostituidores), quen ven na prostitución unha maneira de cumprir os seus desexos a expensas da dignidade e o benestar das mulleres”.

Ademais, o estudo reflicte que a simplificación da busca de servizos sexuais outorga novas formas de poder aos clientes e novas formas tamén de dependencia e de explotación sexual para a xeración de contido tanto a través de material en vivo como en diferido. Estes novos formatos presentan as mulleres como mercancía e facilitan prácticas sexuais sen control, “normalizando deste xeito a violencia e a explotación”, advirten.

As persoas autoras do informe sinalan a necesidade de pór en marcha políticas abolicionistas que proporcionen apoio real e efectivo ás mulleres prostituídas e que eliminen o mercado da prostitución e da trata. Suxiren ademais unha educación afectivo sexual que fomente “relacións sas e non baseadas na dominación” e unha lexislación que contemple e interveña ante as dinámicas dixitais para previr a violencia contra as mulleres e nenas e a explotación sexual”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2024.