Astrónomos da USC levan a cabo en Armenia unha campaña de observación de estrelas dobres

Os doutorandos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) Jorge Gómez Crespo e Luca Piccotti están realizando unha campaña de observación de estrelas dobres no Astrofísico de Buyrakan (Armenia) no marco do proxecto ‘Estudo de binarias pechadas de especial interese astrofísico e dinámico na era Gaia’ que dirixe o profesor José Ángel Docobo e financia o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.
Gómez Crespo e Piccotti están facendo uso da cámara de interferometría speckle propia do OARMA acoplada ao telescopio armenio de 2,6 metros de apertura na procura de datos astrométricos e fotométricos de binarias. Grazas a esta técnica é posible desdobrar binarias cuxa separación angular se atopa preto do límite de resolución do telescopio.
As estrelas dobres son pares de estrelas asociadas pola mutua atracción gravitatoria, e como consecuencia diso ambas compoñentes describen órbitas en torno ao seu centro de masas común. Entre os diferentes puntos de interese do estudo das estrelas dobres destaca o feito de que a partir das súas órbitas é posible determinar as masas das compoñentes do sistema, sendo a masa dunha estrela á súa vez un parámetro esencial para definir o seu camiño evolutivo.
Aínda máis, desdobrando as chamadas binarias espectrocópicas mediante interferometría speckle conséguese non só determinar as masas por separado das compoñentes, senón tamén obter con precisión a distancia á binaria (paralaxe orbital) o que permite controlar as paralaxes medidas actualmente pola sonda espacial Gaia. “Mesmo finalmente se pode establecer a órbita tridimensional do sistema”, aclara Docobo.
Estas estrelas constitúen a principal liña de investigación do OARMA xa desde que Ramón María Aller introducise o seu estudo en España. Nos últimos anos, o equipo do observatorio compostelán tivo a oportunidade de poder realizar campañas de interferometría speckle de binarias con grandes telescopios tanto de Europa como de América, que deron lugar a un amplísimo número de órbitas obtidas mediante o uso dun método orixinal de cálculo establecido no OARMA.