
O CiQUS acollerá, este venres 24 de xaneiro, un encontro científico con persoal investigador do CICECO – Aveiro Institute of Materials, o maior centro de investigación de Portugal no campo da ciencia e enxeñaría de materiais. Este evento subliña o interese do CiQUS por fortalecer alianzas internacionais con centros de referencia, promovendo colaboracións en investigación e formación científica.
O CICECO é un centro de excelencia pertencente á Universidade de Aveiro (Portugal) dedicado ao estudo de materiais avanzados e sostibles, con aplicacións en saúde, enerxía e medio ambiente. O seu enfoque multidisciplinar converxe con distintas liñas de traballo no CiQUS ao redor da química supramolecular, os biomateriais e a nanotecnoloxía, o que abre un abano de posibilidades para futuras sinerxías entre ambos os centros.
O programa do encontro, titulado Exploring Synergies, inclúe presentacións de persoal investigador de ambas as institucións, quen compartirá os seus avances en temas como química sintética en medios biolóxicos, materiais porosos e nanomedicina. Ademais, presentaranse oportunidades de financiamento para proxectos colaborativos e mobilidade de investigadores. A coordinación do evento está a cargo do investigador Manuel Souto, por parte do CiQUS, e Manuel Melle-Franco por parte do CICECO.