Pasar al contenido principal

Uninova participa no Programa Erasmus de intercambio de emprendedores en empresas europeas

A incubadora de empresas da USC Uninova foi designada pola Comisión Europea para xestionar o Programa Erasmus para Novos Emprendedores cun orzamento propio de 88.500 euros dedicados a bolsas para intercambio de emprendedores en empresas europeas.

Este programa permite que emprendedores cun plan de empresa e/ou cunha peme de menos de tres anos de existencia poidan realizar unha estadía formativa de entre 1 e 6 meses cun empresario experimentado doutro país da Unión Europea así como doutros países como Albania, Armenia, Bosnia-Herzegovina, Antiga República de Iugoslavia, República de Macedonia, Islandia, Montenegro, Moldavia, Servia, Turquía e Ucrania.

Para poder participar, o emprendedor debe cubrir un formulario de inscrición expoñendo as súas motivacións e expectativas, presentar un plan de negocio, o seu currículo vitae e un resumo executivo do plan de negocio. Neste trámite é onde habería que sinalar Uninova como organización intermediaria, coa denominación IO224 - Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.

O consorcio no que participa Uninova está formado ademais pola Universidade de Munster (Alemaña), o ICT Cluster (Bulgaria), a Cámara de Comercio de Paris (Francia), Project Ahead SC (Italia), Informo (Croacia), Bohemia EU Planners (República Checa), Vamos Scotland (Reino Unido), Logos (Italia) e a Cámara de Comercio de Badaxoz (España).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2017.