A USC mantense entre as universidades máis innovadoras de Europa

A USC forma parte por segundo ano consecutivo da lista das cen universidades máis innovadoras de Europa, segundo a análise realizada por Reuters. A USC é a quinta das dez españolas incluídas nesta listaxe que “identifica e clasifica as institucións educativas que máis fan para avanzar na ciencia, inventar novas tecnoloxías e axudar a impulsar a economía global”, explican Reuters.
Para compilar o ránking das universidades más innovadoras de Europa, Reuters identificou más de 600 organizacións globais que publicaron a maioría dos seus artigos en revistas académicas, incluíndo institucións educativas, organizacións benéficas sen ánimo de lucro e institucións financiadas polo goberno. Do listado inicial seleccionáronse aquelas institucións que tivesen presentado, como mínimo, 50 patentes ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual no período 2010-2015. Logo, de cada institución tivéronse en conta un total de dez indicadores, nos que se presta especial atención a documentos académicos e solicitudes de patentes (que apuntan á capacidade dunha institución para aplicar a investigación e comercializar os seus descubrimentos).
Das dez españolas recollidas, encabezan a listaxe a Universidade de Barcelona (63ª), seguida da Autónoma de Barcelona (81ª), Valencia (82ª), Politécnica de Cataluña (84ª), USC (92ª), Sevilla (93ª), Politécnica de Madrid (96ª), Complutense (97ª), Granada (99ª) e Autónoma de Madrid (100ª).
QS
Do mesmo xeito, Santiago de Compostela mantense entre as mellores universidades do mundo na última edición do QS World University Ranking, concretamente no intervalo 601-650. O aspecto máis valorado para a elaboración desta clasificación, co 40% da valoración final de cada universidade, é unha enquisa entre máis de 70.000 persoas no ámbito da educación superior en materia de calidade do ensino e da investigación nas universidades do mundo. Outros elementos de análise, por importancia na cualificación final, son os relativos á ratio entre profesorado e alumnado (20%), citacións por persoal docente e investigador (20%), reputación entre os empregadores (10%) e a presenza de profesorado internacional (5%) e de alumnado internacional (5%).
Publicado con carácter anual, o ránking incrementou este ano o número total de universidades referidas ata alcanzar as 959 institucións (43 máis que na anterior edición) de 84 países.