Pasar al contenido principal

Concerto 'Scripta manent, verba volant' polo 50 aniversario de Filoloxía

26.02.2025 | 19.00h

Auditorio de Galicia

Poderá ser seguido por streaming

O concerto será no Auditorio de Galicia
O concerto será no Auditorio de Galicia

En febreiro de 1975 constituíuse a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, cunha comisión xestora que comezou os seus traballos entre os días 23 e 28 daquel mes. Para celebrar esa data, da que se compren 50 anos, o centro ten previsto o día 26 de febreiro, ás 19:00 horas no Auditorio de Galicia, o concerto Scripta manent, verba volant [Os escritos permanecen, as palabras voan], un dos momentos máis agardados da conmemoración do aniversario preparados pola comisión organizadora e o equipo decanal.

Coordinado por Xurxo Souto, no concerto darase cita unha representación de 50 anos de creación musical a través de múltiples estilos. como indie, electrónica, clásica ou de cantautor, todas persoas egresadas da facultade que son profesionais da música como Pauliña, César Morán, Eladio Santos, Alba María, Filólogos de Ataque Escampe (Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Álex Charlón), Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Noemi Basanta, Xurxo Souto, Laura Lamontagne, Susana De Lorenzo, Leo De Matamá, Uxía, Alfredo Dourado e Antón Reixa. Intervirá ademais o CCCP Coro da Gentalha do Pichel para interpretar o himno do recital ‘Scripta manent, verba volant’, composto para a ocasión por Xurxo Souto sobre o poema de Luísa Villalta do libro Música reservada. Terá tamén o acompañamento da Orquestra Bravú Xangai, igualmente implicada nos arranxos dos distintos temas a interpretar.

A Facultade quere convidar a esta viaxe polas últimas cinco décadas da música galega toda a comunidade universitaria así como a toda a cidadanía, que pode pasar a recoller entradas no seu Punto de Atención, Información e Servizos (Conserxería).

O concerto poderá ser seguido en streaming a través da ligazón https://youtube.com/live/em15ACyZ--c?feature=share.

 

Cartel do concerto
Cartel do concerto
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2025.