Aula Magna

A catedrática de Química Inorgánica da Universidade de Alacante Avelina García García será a convidada do ciclo 'Reactiva a túa Química' do 12 de marzo. A profesora intervirá ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade, coa conferencia ‘Catalizadores baseados en óxido de cerio para sistemas de post-tratamento de gases de escape procedentes de motores diésel e gasolina de última xeración’.
Trátase dunha actividade transversal recoñecida con 1 crédito ECTS ao alumnado dos Graos en Química, Bioloxía, Biotecnoloxía, Enxeñaría Química e Farmacia.
A relatora
Avelina García desenvolveu tarefas de investigación reseñables na área da preparación, caracterización e aplicacións de materiais carbonosos obtidos de carbóns minerais, pero a partir de 2005 comeza unha investigación moi activa na área de síntese, caracterización de catalizadores baseados en óxido de cerio e a súa aplicación a reaccións de interese ambiental (como os sistemas de pos tratamento de vehículos) e para aplicacións enerxéticas.
Conta con 6 sexenios de investigación, 81 publicacións científicas en revistas internacionais e un índice h de 32, recibindo un promedio de cerca de 200 citas/ano durante os últimos anos. É ademáis co autora de 3 patentes.
Respecto ao seu liderado científico, foi investigadora principal dun proxecto do V Programa Marco da Unión Europea e co-IP de dous proxectos do Plan Nacional. No ámbito da transferencia á industria, leva realizando, desde 2014, diversas labores de asesoramento tecnolóxico e prestacións de servizo á multinacional SASOL Germany (especializada en produtos inorgánicos ultra-puros) e á empresa de transporte EMT-Valencia.
Na actualidade é membro da Xunta de Goberno da Sociedade Española de Catálise e do Grupo Especializado en Química Inorgánica da Real Sociedade Española de Química.
