Pasar al contenido principal

O grupo de Novas masculinidades convoca un encontro sobre xénero e sexualidade

O grupo da USC ‘Novas masculinidades para o cambio social’ convoca este xoves 22 a un encontro que pretende ser o primeiro dun espazo de debate e reflexión crítico sobre o xénero e a sexualidade. A xuntanza, aberta a calquera persoa interesada, terá lugar ás 16:30 horas no Instituto de Ciencias da Educación (Avenida das Ciencias, Chalet Nº3).

A xuntanza pretende tamén, asegura o seu responsable, o profesor Jorge Marín, “contribuír á deconstrución dun coñecemento de corte androcéntrico e misóxino que lexitima a definición dos nosos corpos en categorías identitarias totalizadoras”.

O grupo de Novas Masculinidades busca desmontar o paradoxo do ‘home’ como arquetipo neutro do humano e estudar cómo están suxeitos a unha normatividade “opresora” que os converte a eles mesmos “ en vítimas do seu propio discurso”, aseguran.

“En tanto que categoría social definida polo poder –explica Marín–, o ‘home’ debe executar todas as expectativas do rol masculino co temor a ser devaliado do seu ‘estatus’ se fracasa no intento”. “Pero non todos os homes teñen o mesmo acceso ao poder que o patriarcado lles atribúe e, por tanto, os diferentes estratos da masculinidade cohabitan nunha constante competición por conquistar o mito do que é ser ‘un home de verdade’”, explica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.06.2017.