Salón de Graos
O evento dá comezo á semana na que se conmemora o cabodano de Álvaro Cunqueiro

O escritor e profesor Xesús Alonso Montero presenta este mércores 26 na Facultade de Filoloxía da USC o libro O latín, como “divinas palabras”, na vida e na obra de Álvaro Cunqueiro, obra que edita a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Será no Salón de Graos ás 12:00h, con entrada libre e agasallo dun exemplar ás persoas asistentes.
O evento dá comezo á semana na que se conmemora o cabodano de Álvaro Cunqueiro, que terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro e que se celebrará en Mondoñedo con diversos actos.
En O latín, como “divinas palabras”, na vida e na obra de Álvaro Cunqueiro, Alonso Montero analiza polo miúdo a presenza da lingua e da cultura do Lacio na escrita e na andaina vital do autor mindoniense, compilando e estudando aqueles textos nos que o latín adquiriu protagonismo e especial transcendencia. Neste sentido, o ensaio presta particular atención á figura do latinista Francisco Fanego Losada, bo amigo de Cunqueiro e eximio profesor do Seminario de Mondoñedo, quen participou de moitas das empresas latinas do autor de Merlín e familia.
No acto, amais do autor da obra, intervirán tamén Xosé Carracedo Fraga, catedrático de Filoloxía Latina; César Cunqueiro, escritor e fillo de Álvaro Cunqueiro; Armando Requeixo, coordinador da CMAC; Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente e Cunqueiriano de Honra; e Elias J. Feijó Torres, decano da Facultade, que enmarca este acto na celebración dos 50 anos de vida do centro.