Pasar al contenido principal

Unha tese avoga por políticas ambientais máis agresivas dado o baixo interese polos vehículos de combustibles alternativos

Djamel Rahmani, no centro, acompañado dos membros do tribunal e da directora da tese, María Loureiro
Djamel Rahmani, no centro, acompañado dos membros do tribunal e da directora da tese, María Loureiro
O investigador Djamel Rahmani analizou os factores que impulsan as decisións de compra de vehículos

Pese a que a Unión Europea está aplicando políticas e incentivos para promover o uso de vehículos de combustibles alternativos, a súa cota de mercado segue a ser moi baixa debido ao “gran descoñecemento” que existe sobre eles. Así o constatou Djamel Rahmani na súa tese de doutoramento logo de consultar a 1.016 condutores españois.

Segundo o estudo realizado, os condutores españois prefiren os vehículos híbridos aos convencionais, “aínda que en termos xerais non están dispostos a pagar a marxe de prezos que existe entre ambas fórmulas”, explica Rahmani, que considera “insuficientes” os 1.500 euros do plan Pive. Pese a todo, o investigador identificou uns subgrupos de condutores ambientalistas que si están dispostos a pagar algo máis polos vehículos híbridos.

Na súa investigación analizou os factores que impulsan as decisións de compra de vehículos, especialmente aquelas que son claves para preferir os híbridos aos convencionais. Rahmani tivo especial interese nos efectos dos incentivos económicos na adaptación de vehículos híbridos, e concluíu que “van ter un efecto moi limitado a menos que o seu nivel presente se incremente”.

Neste contexto, Rahmani avoga por unhas políticas ambientais “máis agresivas” cos vehículos convencionais. Entre outras medidas, suxire apoiar a opción dos híbridos con outros incentivos, como serían o estacionamento gratis ou a exención do pago de peaxe en autoestradas combinado con restricións aos vehículos regulares a través de taxas ou limitación do seu uso en cidades.

A tese ‘Assesing drivers’ preferences for hybrid vehicles via discrete choice experiments’, que dirixiu a profesora María Loureiro, mereceu unha cualificación de sobresaliente cum laude por un tribunal formado por Azucena Gracia (CITA-Aragón), Melina Barrio (Universidade de Alcalá) e Jacobo Feás (USC).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2017.