A liturxia na Catedral de Santiago soará o luns nun recital do Coro da Universidade

O Coro da Universidade de Santiago de Compostela que dirixe Miro Moreira ofrece o luns 15, acompañado pola Capela Compostelana, o recital ‘ Hora áurea. Liturxia e voces na Catedral de Santiago’. A función, de entrada libre, será ás 21.00 horas na Igrexa universitaria.
O repertorio que se presenta neste recital ilustra diversas facetas musicais da liturxia no templo compostelán en diferentes momentos do ciclo anual –advento, Nadal, coresma, Semana Santa, corpus christi e vésperas ao Apóstolo– e épocas históricas, dende os tempos medievais ata inicios do século XIX.
Inclúense polo tanto obras do amplo período de esplendor dos mestres de capela conservadas no arquivo da catedral así como obras dos grandes autores que ademais de ser coñecidos e valorados eran sen dúbida interpretados.