Pasar al contenido principal

O Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia entrega este xoves os Premios Fin Carreira San Cidre 2017 no Campus Terra

Cartaz do acto
Cartaz do acto
O vicerreitor Javier Bueno abrirá ás 18.00 horas na Casa do Saber unha sesión na que intervirán como relatores Pedro Calaza Martínez e Javier de Miguel González

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (Coiag) celebra este xoves 18 de maio, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC, a cerimonia de entrega dos Premios de Fin de Carreira 2017 no marco dun acto institucional no que intervirán como relatores o propio decano do Coiag, Pedro Calaza Martínez, e o director técnico de Galicia Calidade, Javier de Miguel González, quen ofrecerá unha charla baixo o título ‘O efecto Galicia Calidade’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, abrirá esta sesión institucional cun breve acto de benvida ao público presente, un acto no que tamén intervirá a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a deputada de Promoción Económica e Social da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, así como o director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta, e a secretaria do Coiag de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon.

Unha vez rematada a quenda de intervencións das autoridades políticas e académicas, así como dos responsables do órgano colexiado, o acto continuará coa entrega dos premios aos novos enxeñeiros/as agrónomos egresados da Escola Politécnica Superior con mellor expediente académico, así como coa imposición de insignias a todas aquelas persoas que completaron o título de Enxeñaría Agrónoma nas convocatorias de xuño de 2016 e febreiro de 2017.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.05.2017.